O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, visitaron esta mañá o IES Mestre Landín de Marín, onde destacaron o impulso que se deu no curso actual ao proxecto E-Dixgal (libro dixital) a nivel de recursos e formación do profesorado. Precisamente, este instituto é un dos tres centros do concello marinense, xunto co CEP Sequelo e o CEIP da Laxe (nova incorporación este curso 2017/18) que traballan co libro dixital, e que ademais xa recibiron parte dos 13.000 novos portátiles que se están distribuíndo polos 154 centros E-Dixgal de toda Galicia. Na provincia de Pontevedra o número de equipos renovados ascende a 4982.
Tal e como destacou o conselleiro, a aposta polo libro dixital enmárcase na Estratexia galega para a educación dixital, Edudixital 2020, presentada en setembro do ano pasado. Algúns dos obxectivos deste plan son lograr que todo o alumnado do ensino obrigatorio teña formación en robótica e programación no curso 2020/21, romper coa fenda de xénero nos estudos STEM e acadar os 300 centros e máis de 20.000 alumnos beneficiados co libro dixital no 2020/21. Actualmente, esta iniciativa está presente en 154 centros e chega xa a máis de 11.600 alumnos.
Neste sentido, Román Rodríguez quixo agradecer o compromiso do profesorado con este proxecto, posto que supón un esforzo a nivel formativo. Por iso, curso a curso, a Consellería reforza o plan anual de formación do profesorado co fin de acompañar aos docentes na súa actualización e adquisición dos coñecementos clave para os retos que presenta a educación dixital. De feito, entre e setembro e novembro impartíronse máis de 20 cursos formativos, nos que participaron 430 profesores; e este curso tamén se puxo en marcha un plan de formación específico sobre E-Dixgal.
Tal e como salientou, “o IES Mestre Landín é un exemplo dese compromiso, dese traballo continuo dos profesores para preparar o alumnado de cara aos retos da sociedade global e darlle máis oportunidades de futuro”. Tamén valorou a introdución das TIC no ensino como unha ferramenta que garante a igualdade de oportunidades, posto que se democratiza o seu acceso e uso independentemente da situación socioecononómica do alumno.
Pola súa banda, a directora da Amtega sinalou que o reparto de equipos é unha da melloras previstas para avanzar cara unha educación integramente dixital. Neste sentido indicou “que pasamos do concepto de equipo na aula ao de “mochila dixital”, un equipo que acompaña ao rapaz en toda a súa actividade educativa, tanto dentro como fóra do centro, e que lle proporciona o acceso a todos os recursos educativos dixitais a súa disposición, cun soporte técnico ante calquera dúbida ou incidencia.”
Na visita participaron tamén o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; e o director xeral de Educación, FP e Innovación educativa, Manuel Corredoira.
Servizo Premium e novos contidos
En 2018 activarase o Servizo de Soporte Premium para as familias, alumnado e profesores dos 154 centros educativos que empregan o libro dixital, que ofrecerá tres tipos de asistencia: remota (telefónica e online); in situ, con desprazamento ao lugar da incidencia; e a través de puntos físicos de atención.
Deste xeito, profesores, alumnos e familias disporán dunha única vía de atención para todas as cuestións relacionadas co uso do libro dixital a través de varias canles (telefónica, correo electrónico, web, app no móvil, ...), dispoñible as 24 horas do día os 7 días da semana. O novo Servizo Premium contempla, como novidade, que o soporte se preste no domicilio da familia ou profesor para aquelas incidencias que requiran unha atención presencial. Outra das opcións que se contemplan para o servizo é a dispoñibilidade dunha rede de puntos físicos de atención, abertos en horario comercial, nos que os alumnos e as súas familias poidan resolver consultas, dúbidas ou incidencias sobre os ordenadores ou o uso das plataformas e servizos dispoñibles.
Respecto aos contidos, a principios de 2018 a editorial Planeta incorporarase como terceiro provedor de contidos curriculares dixitais para as materias de 5º de primaria a 2º da ESO, sumándose aos actuais, Netex e Edebé. Ademais, está en fase de licitación o centro de produción de contidos educativos dixitais, que facilitará aos docentes novas ferramentas e mecanismos para que poidan incorporar á plataforma materiais innovadores. E tamén está en proceso de licitación o contrato do provedor de contidos en inglés.
Mellora da conectividade
A mellora das infraestruturas de telecomunicación é outro dos aspecto clave na estratexia de innovación educativa. Neste momento preto do 95% dos centros públicos que empregan o libro dixital teñen conexións cun mínimo de 100Mbps. En total, máis de 1.074 centros públicos, un 86% do total, dispoñen de a lo menos esta velocidade, que este ano chegará ao 100%, dos centros educativos públicos que imparten primaria e secundaria.
Fonte: http://www.edu.xunta.gal/portal/node/24187
No hay comentarios:
Publicar un comentario